Juan A. Arias é doutor en Neurociencia e Psicoloxía Clínica, bioestatístico e científico de datos. Actualmente traballa en TripleAlpha Innovation en proxectos multidisciplinares de ciencia de datos en ámbitos como a agronomía, a optimización da produción industrial e a predición da demanda. No seu traballo emprega R, Python, SQL, Shiny, Quarto, PostgreSQL, Power BI, Azure, Databricks, Docker e Git, entre outras tecnoloxías.
Anteriormente traballou como bioestatístico en Biostatech S.L., onde realizou consultoría estatística e prestou apoio a proxectos de I+D. A súa traxectoria inclúe tamén labores de investigación e docencia en institucións de España, Reino Unido e Portugal. Durante a súa etapa na Universidade de Swansea colaborou co Prof. Andrew H. Kemp. Desta colaboración xurdiron un capítulo de libro sobre vínculos sociais, saúde e benestar e o artigo The Neuroscience of Sadness, publicado en Neuroscience & Biobehavioral Reviews (Q1). Tamén é creador e responsable do mantemento de neuroSCC, un paquete de R para a análise reproducible de datos de neuroimaxe.
Ademais, copresenta xunto co veterano divulgador científico radiofónico Manuel Vicente, director de Efervesciencia, Lia(das) Par(das), un programa de ciencia e humor en galego gravado en directo. Para máis información, pódese consultar o seu CV completo .